A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín ten entre os seus fins o fomento do Economía, nomeadamente da Economía Social, polo que ven de desenvolver durante os últimos anos numerosas iniciativas neste senso.
O noso espírito de Mancomunidade representa dous principios fundamentais da Economía Social:
- A promoción da solidariedade interna e coa sociedade que favoreza o compromiso co desenvolvemento local, a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a cohesión social, a cooperación, a inserción de persoas con discapacidade e de persoas en risco ou en situación de exclusión social, a xeración de emprego estable e de calidade, a concilia-ción da vida persoal, familiar e laboral e mais a sustentabilidade.
- O compromiso co territorio, fronte ao despoboamento e o envellecemento no medio rural galego, inxectando estabilidade e futuro.
Promovemos así o desenvolvemento sostible do territorio situando ás persoas no centro e traballando para promover unha comunidade inclusiva coas persoas e respectuosa coa contorna, impulsando o emprendemento social en contornas rurais para xerar oportunidades que propicien o arraigamento da poboación á comunidade e garantindo o seu benestar e os seus dereitos.
O marco que sustenta a nosa visión da comunidade son os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a Axenda 2030 que no 2015 firmaron os líderes mundiais . Como responsables da política municipal fixemos propia esta axenda que afecta tanto ao benestar dos cidadáns como á nosa responsabilidade ante eles.
Por estes motivos, este ano 2022, inmersos nunha pandemia con graves consecuencias económicas e sociais, consideramos máis necesario ca nunca por en valor os principios da Economía Social e da Sostibilidade realizando actividades para fomentar o seus valores e con eles o espírito emprendedor e a creación e consolidación do emprego, o desenvolvemento do rural e a cohesión social.
Son polo tanto os obxectivos das actividades organizadas:
- A promoción, visibilización e desenvolvemento da Economía Social no territorio da Mancomunidade
- O desenvolvemento de actuacións que axuden a paliar os efectos da pandemia e supoñan un fortalecemento das empresas locais
- O fomento do emprendemento e á creación e consolidación de emprego, en especial do emprendemento feminino, xuvenil e dos colectivos máis vulnerables, coa visión xeral de xerar máis emprego e de máis calidade.
- Xerar novas ideas de negocio arredor de 4 oportunidades: a recente chegada do AVE, o turismo, a fronteira e os nosos maiores.
- O desenvolvemento de actividades que contribúan á consecución das metas dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, centrados en facilitar o camiño cara ao remate da pobreza, a protección do planeta e a paz e a prosperidade dos cidadáns.